TABOADA C.F
TABOADA CF 2018/2019
TABOADA CF
TABOADA CF B
TABOADA CF XUVENIL
Síguenos tamén en:
TABOADA CF youtube
instagram.com/TaboadaCF
22/12/18
TABOADA CF 2-SD BURELA 2
Reparto de puntos entre branquiazuis e verdes tras 90
trepidantes minutos de continuas alternativas. Este resultado permítenos chegar
ao ecuador da competición con 23 puntos, unha media que nos daría a salvación.
Seguimos, ademais, sen coñecer a derrota como locais aínda que ben é certo que
dos últimos 5 encontros xogando na casa só logramos gañar 1.
Moi cedo, xa no minuto 4, adiantouse o Burela no marcador,
cun gran remate de cabeza de Javier á saída dun córner. O Taboada non se
amilanou e cargou o xogo pola banda dereita, con Seso e Moski aos mandos. Xa no
6' gran ocasión de Seso, que diante do porteiro remata moi frouxo. Seguimos
insistindo na procura do empate, e chegou no 22'; boa xogada por banda que
remata con tiro de Noé, o rexeite do gardamallas burelao empuxao ao fondo das
mallas Gabriel. No toma e daca constante
propiciado polas dimensións do Castro Seoane o Burela sacou tamén algunha
oportunidade, pero sen acerto. No 36' culminamos a remontada, de novo por medio
de Gabriel, que desde fóra da área empalou un gran disparo que entrou rente o
pau.
Foron quizais os nosos mellores minutos no partido, desde o
2-1 ata o descanso, e tivemos ata 3 ocasións claras para poñer terra de por
medio pero unhas veces o pouco acerto e outras a eficacia defensiva burelá
impedírono. O paso polos vestiarios non nos sentou ben, porque no 49' os verdes
empataron por medio de Javier tras un desaxuste defensivo. E tivérona para
poñerse por diante no 56' pero Roi gañoulle a partida ao dianteiro visitante no
mau a mau.
Foi unha segunda parte moi disputada, con moito balón longo
e segundas xogadas, da que ningún dos equipos sacaba ocasións reseñables. No
74' o partido complicousenos coa expulsión por vermella directa de Migui, pero
o equipo puxo o mono de traballo para salvar polo menos o punto. E a piques
estivemos de gañar os tres no 82' nun roubo de David Potente que asistiu á
carreira de Moski, que se foi do seu par pero o seu disparo estrelouse con
violencia contra a trabe da portería burelá.
De aquí en diante insistimos con balóns longos pero sen crear ocasións
claras, asique hai que dar o punto por bon.
Poñemos fin así ao 2018 futbolístico, nunha posición
relativamente cómoda na táboa, nunha das ligas máis competidas que se recordan.
Esta media de puntos daranos a permanencia, pero convén non despistarse. Non
xogaremos agora ata o fin de semana do 12-13 de xaneiro, cando recibiremos ao
Santaballés no que será o comezo da segunda volta.
Aproveitamos esta canle tamén para desexarvos unhas moi
felices festas e un próspero aninovo no nome do Taboada CF, nós aquí seguiremos
procurando dar alegrías aos nosos siareiros e paseando con orgullo o nome do
noso concello por toda a provincia.
16/12/18
UD XOVELAGO 1 -TABOADA CF 0
O Taboada CF volveu de baleiro da súa visita a Xove, e
seguimos inmersos nunha mala xeira, sobre todo a domicilio, onde non sumamos
desde a saída a Pol, hai xa dous meses.
E eso que o partido comezou prometedor para os nosos
intereses, un dominio territorial e da posesión sobre o impecable céspede do
municipal xovense. O noso mediocampo empuxaba e roubaba moi arriba, lanzando a
Gabri e Noé. Froito deste dominio chegaron oportunidades claras, como unha de
Noé que a piques estivo de aproveitar un erro do porteiro local, sobre todo
unha de Ratón tras unha gran xogada por banda, o seu disparo en posición franca
foi arriba.
A partir do 15' as forzas igualáronse e o Xove comezou a
pisar a nosa área. A primeira ocasión local foi un testarazo de Coello que
despexou ben Roi, e no 17' unha contra levada por Chile finalizouna el mesmo
cun disparo cruzado que se foi lambendo a cepa do noso poste esquerdo. Non
estabamos a controlar ben a Juanjo Coello, e o gran ariete local estaba a
causarnos problemas aguantando a pelota de espaldas e lanzando a Chao e a
Chile. No 25' Roi toca o balón coa man fóra da área, xusto na frontal, coa
conseguinte amarela e falta perigosisima. O disparo potente de Maikel buscando
o pau de Roi non sorprendeu a este, que despexou a córner.
A partir de aquí houbo unha pequena tregua no tocante a
ocasións claras de gol, pero pelexouse cada balón como se fose o último, nun
gran esforzo colectivo. No 40' tiña que ser substituído Juanjo Potente, con
problemas estomacais. Non sería o último percance para nós, desafortunadamente.
Saíu no seu lugar Manu Vila, seguindo coa defensa de 3 e dous carrileiros. No
descanso Ibán tampouco puido seguir, polo mesmo problema que Juan. Recompuxemos
a zaga con Dieguiño e Marcos ingresou no verde situándose como mediocentro con
Ratón.
Os segundos 45 minutos foron quizais máis aburridos para o
espectador, sen tantas ocasións, pero con traballo a esgalla por parte dos 22
protagonistas. Ata o 55' ambos conxuntos estiveron tanteándose e non houbo
xogadas reseñables, pero neste minuto unha gran xogada de Chao por banda
esquerda rematou cun pase atrás, apareceu Ratón nunha gran acción defensiva
para enviar a córner. Pouco despois nova lesión, esta vez de Noé, que se tivo
que retirar do campo cos xemelgos moi cargados. Entraba Guerreiro no seu lugar.
O partido estaba a discorrer cunha gran loita no medio do
campo da que non surxían ocasións claras, ata que no minuto 80' unha contra
levada por Chile rematou nun penalti en contra que protestamos moitísimo, xa
que Manu Vila en ningún momento toca ao atacante local, que se deixa caer cando
ve que a xogada, xa en liña de fondo, non ten máis recorrido. O árbitro, a
instancias do linier, decretou a pena máxima, que foi transformada por Maikel
cun disparo seco e forte que batiu a Roi, que se vencera á súa esquerda.
Este gol fíxonos dano anímicamente, pero sacamos
a raza e o orgullo, e de aquí en
diante buscamos o gol da igualada con máis corazón que cabeza, buscando con
balóns longos a Guerreiro e Moski, pero sen fortuna. Do 85' en diante asumimos
moitos riscos e desta situación o Xove sacou boas contras, das que non puido
aproveitar ningunha. No 92' dobre boa intervención de Roi a cabezazos de Maikel
e Coello á saída de dous corners consecutivos; e no 93' protestamos un posible
penalti sobre Guerreiro, que o árbitro non concedeu. Non sabemos como de claro
era, pero sen dúbida máis que o que lle pitaran escasos minutos antes a favor
ao Xove. Eso segurísimo. Desta vez preferiron lavarse as maus.
O partido rematou cunha pequena tángana causada por algún
membro do banquiño local, que confundiu a alegría polo triunfo coa provocación
a un rival doído pola derrota e sobre todo polas circunstancias nas que esta se
produciu.
Para a semana que vén toca despedir o ano futbolístico, na
que será a última xornada da primeira volta, ante a SD Burela, presumiblemente
o sábado 22 de decembro no Castro Seoane de Antas de Ulla.
18UD XOVELAGO 1 - TABOADA CF 0
15/12/18
xuveniles
TABOADA CF 1-AD FERROVIARIA 2
09/12/18
TABOADA CF 0-CLUB LEMOS 0
O Taboada sumou outro punto ante o líder Lemos, o mellor
equipo da competición. O resultado permítenos seguir como invictos xogando de
locais.
O partido comezou igualado, cun Lemos que quería impoñer a
súa proposta de toque, pero atopáronse sempre cun Taboada moi duro e moi
correoso nas marcas e nas desputas. A primeira ocasión reseñable foi visitante,
no minuto 12, cun disparo de Castañer
desde a frontal que Roi despexou sobre o seu costado esquerdo. Nestes
primeiros compases os visitantes foron mellores, pero nós estivemos moi serios
en defensa. O primeiro achegamento noso foi nunha falta lateral na que Gabri a
punto estivo de embocar a gol, pero Castro andivo moi rápido para arrebatarlle
a ocasión. Precisamente nesta xogada protestamos un posible penalti sobre
Moski, pero o colexiado a instancias do seu linier sacouna fóra da área. De
aquí ao tempo de lecer, moita desputa e segundas xogadas pero sen ocasións
reseñables.
Nos segundos 45' saímos con máis intención de atacar e xa no
47' unha boa volea de Gabri obrigou a traballar a Arturo. O partido púidose
romper no 54', cunha gran transición ofensiva do Lemos que deixóu a Arias
diante de Roi, pero este ganoulle a partida no mau a mau e no posterior rexeite
entre Ibán e Migui afastaron o perigo.
Esta ocasión espoleou ao Lemos, que no 59' disparou ao pau
por medio de Castañer. Fomos capeando o temporal como puidemos e a partir do
75' tocamos a rebato vendo cerca a posibilidade de gañar o partido, e máis
trala expulsión de Adrián. No 82' un gran disparo á reviravolta de Moski
saíulle centrado e fácil para Arturo, pero sen dúbida a ocasión máis clara foi
de novo de Moski, pero atopouse cunha intervención de moito nivel do
gardamallas visitante xa no 91'. Aí morreron as nosas posibilidades de vencer o
encontro.
De tódolos xeitos, hai que destacar o bon partido en xeral
do equipo, que soubo competir contra un conxunto confeccionado para ascender e que de feito
vai coma un tiro.
Para a semana trataremos de facer bon este puntiño nun
desprazamento moi complicado a Xove, ante un equipo local que non comezou ben
pero que ten mellor equipo que o que di a táboa clasificatoria.
06/12/18
SD PARADELA 1-TABOADA CF B 8
02/12/18
CF FRIOL 2-TABOADA CF 1
Comezou o partido igualado, con dous equipos tanteándose. O
primeiro en probar sorte foi Guerreiro no 5', respostou Santi no 6', dous tiros
que atallaron fácil os porteiros. No 12' reviravolta de Guerreiro que proba
tiro, sáelle desviado. No 14' respostou o Friol cun tiro de Rafa Casanova que
despexou Isma a córner.
Houbo despois un período de relativa calma, ata que no 24'
un gran disparo de Covas foi repelido polo longueiro. Eran minutos de certo
asedio local, e no 25' outra boa ocasión para Casanova que non foi quen de
armar o tiro en posición franca. No 31' Dani Roca probou de novo sorte desde
fóra de área, o seu tiro foise lambendo o poste. Vivíronse despois minutos de moito
mediocampismo, ata que no 45' nos puidemos poñer en vantaxe, cunha indecisión
da zaga local que Guerreiro a porta vacía cabeceou fóra.
Os segundos 45' empezaron parecidos, quizais con nós parece
que máis incisivos en ataque, xa no 47' tiro lexano de Juan Potente que atallou
ben Alberto. No 49' puxémonos por diante nun mau a mau de Gabri que definiu moi
ben tras pase de Guerreiro. No 52' o disparo de falta de Rafa Casanova sacouno
Gabri de debaixo dos paus. No 55' boa nova ocasión do Friol, o tiro final de
Buján foise desviado. No 59' a insistencia do Friol tivo premio, un balón
frontal mal defendido caeulle a Marcos Arias, que definiu forte e ao medio,1-1
con media hora de fútbol por diante e un novo escenario nunha segunda parte que
estaba a ser máis entretida para o espectador. No 64' o Friol consumou a
remontada cun disparo de Santi que entrou a pesar de que Isma tocou o balón.
Este gol fíxonos dano e botamos uns minutos a mercede do Friol, que a pesar de
ter achegamentos e continua presencia no noso campo non dispuxo de ocasións
claras de gol.
Intentamos repoñernos e dar un paso adiante, pero non fomos
quen de crear ocasións. O Friol defendeuse con orde e saía á contra coa
velocidade dos seus homes de ataque. Sacaron algunha situación de perigo que non foron capaces de concretar.
Nos 10' últimos intentamos apretar coas entradas de Montes, David Potente e
Guerrilla.
Buscamos balóns longos a Guerreiro e Joni pero sen conseguir
xerar perigo, sen embargo nas contras o Friol atopou dúas ou tres ocasións
clarísimas nas que só o pouco acerto dos seus atacantes impediu a
sentencia. Puidemos empatar no 93' nunha
gran xogada individual de Joni Guerri tras gran pase de David Potente que
detivo ben Alberto, foi a nosa última bala. De aquí ao final non tivemos máis
ocasións e o Friol evouse os tres puntos.
01/12/18
(XUVENILES)
SPORTING PONTENOVA-TABOADA CF
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.